4. Programa

Do desenvolvemento económico acadado, da estructura de clase e da natureza política do réxime que impera en España tíranse as principais características e contradiccións da nosa sociedade. Verbo disto e como resumo da exposición realizada pódese concluír que España é un país de capitalismo monopolista de Estado, no que ás contradiccións propias deste sistema, se lle engaden as derivadas da implantación e dominio dun réxime de tipo fascista.

O fascismo foi a principal ferramenta da que se serviu a oligarquía terratenente financeira para someter ás masas populares e levar a cabo o desenvolvemento económico do país pola vía monopolista. Este dobre carácter, monopolista (imperialista) e ao tempo fascista, é a principal característica do Estado español.

Ao desenvolver a gran industria, a agricultura capitalista, o comercio a gran escala, os transportes, etc., e levar a cabo a fusión de todos os sectores económicos coa banca e o Estado posto ao seu servicio, a oligarquía creou as condicións materiais para a realización do socialismo, fixó medrar ao proletariado e o educou na escola da guerra civil case permanente.

Conforme a estas consideracións xerais, a revolución pendente en España só pode ter un carácter socialista. Non existe no noso país ningunha etapa revolucionaria intermedia, ningún "chanzo na cadea histórica" anterior á revolución socialista. Xa que logo, o obxectivo que persegue o Partido é a demolición do Estado fascista, a expropiación da oligarquía financeiro-terratenente e a implantación da República Popular.

O proletariado é a clase máis explotada e asoballada, a mellor organizada e a máis revolucionaria da poboación, porén, ademais de ser a clase chamada a dirixir ás demais camadas populares, constitúe a principal forza motriz da revolución. Xunto coa clase obreira, os pequenos capesiños e outros moitos traballadores e semiproletarios (pequenos transportistas, empregados, autónomos, etc.) así como os pobos das nacionalidades oprimidas e os intelectuais progresistas, poden tomar parte activa na loita polo derrocamento do capitalismo ou observar unha posición de neutralidade.

Destes sectores, os máis próximos ao proletariado son os semiproletarios e os pequenos capesiños cargados de débedas polos bancos. Na perspectiva dos seus intereses futuros, todos estes sectores están obxectivamente interesados na revolución socialista, aínda que oscilan continuamente entre as posicións consecuentemente democráticas e revolucionarias do proletariado e o reformismo burgués. A táctica do Partido busca atraelos a carón do proletariado, ao obxecto de derrocar pola forza á oligarquía financeira e terratenente e gañar á pequena burguesía ou tentar neutralizala.

O Partido non se pode propor, desde a situación presente, conducir directamente á clase obreira á toma do poder. Para iso precísanse determinadas condicións interiores e exteriores, unha potente organización e abondosas experiencias políticas, tanto por parte das masas coma do propio Partido. Todo isto aparecerá ou se irá creando no curso da loita revolucionaria e no mesmo proceso do derrocamento do réxime capitalista.

Coa instauración da República Popular iníciase o período que vai desde o derrocamento do Estado fascista e imperialista á implantación da dictadura do proletariado. Dito período cubrirá unha curta etapa de transición que tamén pode ser considerada de comezo da reestructuración socialista, e que se deberá rexir por un goberno provisorio que actúe como órgano das amplas masas do pobo erguido en armas. A principal misión deste goberno será a de aniquilar a oposición violenta da gran burguesía e demais sectores reaccionarios e garantir a celebración dunhas eleccións verdadeiramente libres a unha Asamblea Constituínte. Esta Asamblea elaborará a constitución e nomeará ao novo goberno democrático.

O Programa do Partido para esta etapa de transición resúmese nos seguintes puntos:

1) Formación dun Goberno Provisorio Democrático Revolucionario.

2) Creación de Consellos obreiros e populares como alicerce do novo poder.

3) Disolución de todos os corpos represivos da reacción e armamento xeral do pobo.

4) Liberación dos presos políticos antifascistas e procesamento dos torturadores e asasinos contrarrevolucionarios. Amplo indulto para os presos por causas sociais.

5) Expropiación, e paso a mans do Estado, da Banca, as grandes propiedades agropecuarias, os monopolios industriais, comerciais e os principais medios de comunicación.

6) Recoñocemento do dereito á autodeterminación dos pobos vasco, catalán e galego. Independencia para a colonia africana de Canarias. Devolución de Ceuta e Melilla a Marrocos.

7) Supresión de todos os privilexios económicos e políticos da Igrexa; separación radical da Igrexa e o ensino. Liberdade de conciencia.

8) Liberdade de expresión, organización e manifestación para o pobo. O dereito de folga será unha conquista irrenunciable dos traballadores.

9) Incorporación da muller, en pé de absoluta igualdade co home, á vida económica, política e social.

10) Recoñocemento de todos os dereitos laborais, políticos, sociais, etc., dos obreiros inmigrantes. Erradicación de toda forma de opresión e discriminación racial, sexual e cultural.

11) Reducción da xornada laboral. Traballo para todos. Melloramento das condicións de vida e de traballo.

12) Vivendas dignas e económicas; seguridade social, sanidade e ensino por conta do Estado.

13) Dereito da mocidade a recibir unha formación integral e de balde, a un traballo san e ben retribuído, a contar con locais e outros medios para o libre desenvolvemento das súas actividades.

14) Saída de contado da OTAN e da UE, así como das demais organizacións creadas para a agresión e a pillaxe imperialista.

15) Desmantelamento das bases militares estranxeiras do noso territorio e reintegración de Xibraltar.

16) Aplicación dos principios de coexistencia pacífica nas relacións con todos os países. Apoio á loita de liberación dos pobos asoballados.

  só un goberno revolucionario formado polos representantes das organizacións populares, que actúe como órgano da insurrección popular victoriosa, terá a forza e a autoridade necesaria para organizar as eleccións a unha asemblea de representantes do pobo. Baixo o novo goberno levarase a cabo a demolición completa da vella máquina estatal da burguesía, arrasaranse desde os cimentos os piares sobre os que se asenta a dominación e os privilexios do capital (pois esta é a condición primeira de toda revolución verdadeiramente democrática e popular) e emprenderanse de contado as transformacións económicas e sociais precisas, favorecendo así o esentamento do poder popular e, dentro del, a hexemonía política do proletariado.

  Todo poder que se prece de ser popular terá que se basear no pobo en armas e nas organizacións autenticamente democráticas. Organizando a milicia e un exército de seu, e baseándose nos órganos políticos de poder, será como as masas revolucionarias poderán defender a súas conquistas e exercer o control sobre o Goberno.

  As masas populares terán que estar en disposición de escoller libremente e de revogar, se for necesario, aos seus representantes. En cada fábrica, empresa agraria, unidade militar, centro de ensino, pobo, cidade, comarca, etc., elixiranse Consellos. Estes serán os órganos de decisión e execución do novo poder, con autoridade e autonomía de seu para artellar e dirixir todo tipo de actividades sociais: desde o traballo ata o deporte, e desde a milicia ata a administración de xustiza.

  Todos os presos comunistas, independentistas, anarquistas, antimilitaristas, antiimperialistas e antifascistas serán de contado liberados. Esta é hoxe unha sentida reivindicación que se solventará sen máis tardar. En troques, cos torturadores e os criminais contrarrevolucionarios terase que facer xustiza. Os que se salientaran na represión serán detidos e se lles dará un exemplar escarmento, o que correrá por conta dos Tribunais Populares. Isto non se fará por un afán de vinganza, senón por necesidade política, xa que os reaccionarios, aínda logo da revolución, seguirán tentando recuperar o poder e os privilexios perdidos, polo que a revolución se deberá defender fronte a eles, reprimíndoos e disuadíndoos.

  A revolución levará a cabo a nacionalización dos medios fundamentais de producción; é decir, que non se trata de expropiar os aforros nin a pequena propiedade, como a terra dos pequenos labregos, ou todos aqueles bens ou obxectos de uso particular (vivenda, automóvil, etc.), lexitimamente adquiridos a través do traballo e os esforzo persoal ou familiar. O novo poder porá a disposición das familias e persoas sen vivenda as casas valeiras. Polo demais, o capital e as grandes empresas nacionalizadas pasarán a depender do Estado e serán controladas polos Comités ou Consellos Obreiros e Populares. Deste xeito, os traballadores converteranse nos donos efectivos da economía nacionalizada e a porán ao seu servicio.

  O principio de autodeterminación é un dereito universalmente recoñecido da democracia política que o novo Estado fará efectivo. No prazo de tempo máis curto posible convocarase unha consulta para que os pobos das nacionalidades decidan de seu se desexan separarse para fundar un Estado aparte ou permanecer unidos nun plano de absoluta igualdade económica, política e cultural. En calquera caso, o novo goberno, os partidos políticos e as organizacións populares deberán respectar a decisión libremente tomada polos pobos das nacionalidades e facilitar o exercicio de todos os seus dereitos.

  O Novo Poder Popular levará a cabo a expropiación dos contrarrevolucionarios, de todos aqueles que colaborasen activamente coa contrarrevolución, aínda que sexan pequenos propietarios. Aos demais, aos que se poñan de parte do pobo, o Estado lles axudará de xeito efectivo, mediante créditos a baixo ou nulo xuro; pagándolles prezos xustos polos seus productos, prestándolles axuda técnica, etc. Estas medidas estarán en consonancia cos intereses políticos e económicos da revolución.

  Despois do derrocamento da oligarquía, os principais medios de comunicación, de impresión, de distribución, etc., pasarán a ser controlados e dirixidos polo pobo mediante as súas organizacións representativas. só deste xeito se poderá asegurar o exercicio dos dereitos de expresión e a unha información veraz e obxectiva, así como a unha cultura verdadeiramente democrática.

  No tocante ao dereito de folga, hai que ter presente que nos atopamos nunha etapa de transición na que seguirá existindo certo tipo de propiedade privada a pequena e media escala. Nestas condicións, tanto para prever medidas inxustas do goberno, como sobre todo, para loitar contra as arbitrariedades que xurdirán inevitablemente por parte de medianos e pequenos industriais, o Novo Poder Popular deberá garantir os dereitos de folga e manifestación.

  Xunto á aplicación dos principios de coexistencia pacífica, o novo Estado ofrecerá todo o seu apoio á loita das nacións e pobos asoballados e dará preferencia nas súas relacións aos países liberados do xugo imperialista, estreitando os lazos de amizade e cooperación. Deste xeito, contribuirase á causa da revolución mundial, illando e debilitando ao imperialismo.

5. Línea política

5.1 O principal obxectivo da acción política do Partido

A actuación do Partido e a súa liña política deberán respostar en todo intre aos intereses inmediatos e futuros das masas e ter moi presente as súas arelas, o seu estado de ánimo e a súa predisposición para a loita.

Ao levar a cabo o noso labor xeral, temos que ter presente que as masas non conforman un todo homoxéneo e que nelas dánse distintos graos de conciencia política e organización. Poderíase decir que o movemento de masas está integrado por tres sectores principais. En primero lugar, a loita sindical dos obreiros, as protestas e as reivindicacións cidadáns e outros tipos de loitas sectoriais. Nun segundo chanzo algo máis alto áchanse os colectivos e organizacións que levan a cabo a denuncia do terrorismo de Estado, a solidariedade cos presos políticos, a loita contra o imperialismo e o militarismo, etc., e que presentan diversas esixencias políticas ao Goberno. Este pode ser calificado como o "nivel intermedio", xa que conta cun maior grao de conciencia política. Por riba deste nivel sitúase o movemento político de resistencia organizado, o cal non se detén na loita económica e social, nin tampouco na denuncia dos abusos e atropelos do poder, senón que ademais se propón derrubalo e fai continuos preparativos ao efecto. Este é o sector máis consciente e mellor organizado, constitúe a vangarda, e fórmano principalmente o Partido e a guerrilla.

Na súa meirande parte o movemento obreiro e popular non é consciente da necesidade do derrocamento do Estado capitalista, aínda que estea abertamente enfrontado e loite contra el. Esta situación impón ao Partido a tarefa de elevar o nivel de conciencia política das masas para que asuman o seu Programa e se organicen para levalo á práctica. Con este fin debemos unir, antes que nada, ao sector máis avanzado arredor da dirección do Partido, de xeito que, apoiándonos nel, poidamos atraer ao sector intermedio, elevar o nivel dos máis atrasados e gañar a ámbolos duos para a causa.

Esta importante tarefa é inseparable da loita xeral contra o sistema capitalista e, en particular, da loita política. Neste eido o Partido persegue actualmente o illamento político e social do réxime como principal obxectivo político, co propósito de poder concentrar a todas as forzas revolucionarias contra el para destruílo. Con este fin propugna e organiza o boicot ao Estado, ás súas institucións e leis, ás súas farsas electorais, así como aos partidos e sindicatos que o sosteñen. Neste senso, cómpre subliñar que a nosa táctica boicoteísta resposta á natureza do réxime político que impera en España. ƒ unha táctica xeral, da que o Partido non fai unha cuestión de principios, polo que non se pode desbotar que, nunhas circunstancias políticas concretas, específicas, chame á participación, se con iso contribúe a illar ao fascismo e, en definitiva, a elevar a conciencia revolucionaria das masas e a organizalas para a loita pola conquista do poder.

O Partido non recoñece nin acata a Constitución que legaliza o réxime monárquico-fascista imposto por Franco e o Exército e que consagra o sistema de explotación capitalista e a opresión nacional. O Partido chama ás masas a oporse a este réxime coa maior das afoutezas, a organizárense á súa marxe, a espallar a protesta, a desobediencia civil e a empregar todas as formas de resistencia. Ao mesmo tempo que organiza e alenta este movemento, o Partido debe explicar a todos os traballadores a importancia da loita polos dereitos e liberdades democráticas e, en especial, a loita contra o terrorismo de Estado, contra as leis e tribunais especiais de represión e contra a aplicación sistemática da tortura aos detidos e prisioneiros políticos.

5.2 Afortalar a organización independente da clase obreira

A clase obreira está máis interesada que ningún outro sector da poboación en levar a loita contra o Estado capitalista ata as últimas consecuencias, de feito, desde hai moitos anos está a actuar coma a auténtica vangarda do movemento popular. Mais para que o proletariado continúe a exercer este papel e poida levar a loita deica o final debe actuar unido, como forza política independente e basearse nas súas propias forzas.

Particularmente, é nas grandes fábricas, que concentran os núcleos máis numerosos, máis combativos e mellor organizados do proletariado, onde o Partido debe centrar ás súas forzas, promovendo, alí onde estea presente, as formas de organización e os métodos de loita máis avanzados, xa probados ou que foran creados polo propio movemento de masas.

Cómpre desenvolver o movemento sindical independente da clase obreira, artellándoo en base ás asambleas e as comisións de delegados escollidas nas mesmas democraticamente, para actuar unidos contra a política económica e social do Goberno (contra as reconversións, o recorte das prestacións sociais, etc.), contra os ritmos extenuantes de traballo, as normas vexatorias e demais abusos da patronal.

As loitas económicas dos traballadores ou por melloras inmediatas son unha das formas máis importantes que reviste a loita de clases na sociedade burguesa. O Partido ten a misión de organizar, encabezar e dirixir estas loitas, por canto, ademais de cotrarrestar a progresiva depauperación das masas, contribúe a elevar a súa conciencia e a organizalas para rematar coa explotación capitalista. Porén, o Partido alenta e axuda aos obreiros a crear todo tipo de organizacións (para a loita sindical, culturais, de autodefensa, etc.).

Segundo se desenvolve nas grandes empresas e fábricas a automatización, diminúe o número de obreiros especializados e aumenta o número de técnicos e cadros. Esta tendencia á crecente separación entre o traballo simple e o complexo a á continua xerarquización salarial e contraria ás arelas de igualdade que sempre existiron no seo da clase obreira. En épocas favorables este sector de cadros e técnicos compórtase, polo xeral, coma unha caste allea á clase obreira e identifícase co réxime da burguesía. Pero cando é que chega a crise toma conciencia da súa condición asalariada e tende a enfrontarse á patronal e ao seu Estado. O Partido debe, ante todo, aterse ás reivindicacións e esixencias dos obreiros máis explotados, que son a inmensa maioría, desenvolvendo entre eles a organización e a loita unitaria, o que lle obrigará a ese outro sector a decantarse e a se posicionar.

5.3 Organizar o movemento de resistencia popular

Na loita contra a burguesía de cada país, a clase obreira só pode contar coa axuda e o apoio verdadeiramente incondicional do proletariado revolucionario internacional.

Partindo desde principio, o PCE(r) promove a unidade de todas as forzas e sectores populares que se opoóen ao fascismo, ao monopolismo e ao imperialismo, ao tempo que traballa arreo por desenvolver diversos tipos de colaboración con estes sectores. Neste eido a experiencia xa demostrou moitas veces que a unidade non se acada establecendo "pactos" ou "alianzas" arredor dunha mesa e menos aínda facendo concesións ideolóxicas e políticas. A necesaria unidade das forzas populares só é posible acadala mediante a loita. En primeiro lugar, desenvolvendo a loita independente contra a oligarquía e o seu Estado, máis tamén, e ao mesmo tempo, denunciando as vacilacións e inconsecuencias da pequena burguesía democrática e doutras forzas progresistas intermedias.

A hostilidade que ás veces atopamos nestes sectores non pode desanimarnos neste empeño. Temos que ser quen de unirnos incluso cos que non están de acordo connosco, pois doutro xeito ¿que sentido ten falar de unidade? Isto non exclúe, senón que presupón, a crítica mutua sobre todos os aspectos da actividade política.

De entre todos os sectores populares que se opoñen aos monopolios e ao fascismo destacamos aos capesiños. O capesiñado é un dos sectores máis explotados e asoballados da poboación, e se ácha a un só paso da clase obreira, á que a cotío ven engrosando. Por mor disto é susceptible de se incorporaren á loita polo socialismo, de feito hai tempo que se vén enfrontando ao monopolismo. Pero a conciencia do propietario está tan enraizada entre eles que vai facer falta un persistente labor de propaganda para convencelos da inevitabilidade e das ventaxes do socialismo, da superioridade das formas colectivas de producción e da absoluta necesidade dunha estreita alianza política coa clase obreira.

Outro importante sector ao que o Partido alenta e axuda fórmano os movementos de liberación das nacións asoballadas, que se achan abertamente enfrontadas ao Estado fascista e imperialista español e fan unha defensa consecuente dos dereitos nacionais e democráticos.

O Partido apoia e estimula a loita polas esixencias democráticas, que respostan ás necesidades das masas populares. Na loita pola conquista destas reivindicacións cómpre esforzarse por acadar a maior confluencia con todos os sectores da poboación interesados nelas, e que inclúen ao movemento antimilitarista, ao dos estudiantes, ao das mulleres que loitan polos seus dereitos, aos dos mozos pertenecentes ás clases e camadas populares, ao dos intelectuais progresistas e en xeral a todos os que sufren nas súas carnes e na súa conciencia os efectos das eivas do capitalismo: o paro, a explotación, o racismo, o deterioro do medio ambiente, a represión en todas as súas formas, a discriminación, a exclusión...

Cómpre reagrupar en torno á clase obreira a todas esas forzas a fin de poñer freo ao constante deterioro das condicións de vida e a supresión das liberdades democráticas, baseándonos na loita común e formar un poderosos movemento de resistencia popular, antifascistas e antiimperialista. Deste xeito conqueriremos gañar para á causa as amplas masas e avanzaremos cara o logro dos obxectivos socialistas e comunistas da revolución.

5.4 A loita de resistencia

As clases avanzadas da sociedade víronse sempre na obriga de recorrer á violencia revolucionaria para suprimir as formas de vida xa caducas e abrirlle camiño a outras novas. "A violencia é a comadroa de toda vella sociedade que leva na súa entraña outra nova". Naturalmente, a clase obreira prefire tomar o poder pacificamente. Mais a experiencia histórica demostra que, mentres non sexa derrocada a burguesía nos principais países imperialistas, o proceso de transición do capitalismo ao socialismo non transcorrerá dun xeito pacífico e legal, utilizando os procedementos parlamentarios; pola sinxela razón de que a burguesía non consentirá retirarse voluntaria e pacificamente do poder.

Os actuais Estados capitalistas, en virtude das experiencias que foron acumulando, non lle permitirán ao movemento obreiro revolucionario acumular e concentrar as súas forzas de xeito pacífico, xa que istos Estados son a contrarrevolución organizada permanentemente. Hoxe non nos atopamos na época da libre competencia económica e a dictadura democrático-burguesa, cando a clase obreira aínda podía organizarse e utilizar as institucións burguesas para "loitar contra esas mesmas institucións", como sinalou Engels. A implantación de formas de poder de tipo fascista e policíacas en case que a totalidade dos países capitalistas rematou por estragar e facer inútiles os vellos métodos de loita pacífica e parlamentarios, o que por outra banda non impediu que xurdiran e se vaian impondo outros métodos novos.

En España, durante as últimas décadas, a clase obreira e outros sectores explotados e asoballados da poboación non só receberon o chumbo fascista e verqueron ducias de veces o seu sangue, senón que ademais combateron e fustrigaron ás forzas represivas con todos os medios ao seu alcance, lle opuxeron barricadas e todas as formas de loita violenta e lle fixeron numerosos mortos e feridos. Isto foi acompañado de folgas, da imposición de asambleas abertas nos barrios, universidades e centros de traballo, das comisión de delegados, da formación de piquetes e doutros moitos métodos de loita democrática de tipo máis avanzado.

Nesta situación xeral, e cadrando co comezo do agravamento da crise económica e política do réxime e o recrudecer da represión, rexurde nos anos sesenta a loita armada no noso país, en forma de guerrilla urbana, practicada por pequenos grupos ou destacamentos armados. Desde aquela, a combinación das accións armadas guerrilleiras coas folgas, manifestacións, sabotaxes, etc., destácase como a principal forma de loita do movemento obreiro e popular.

Esta combinación de distintos procedementos de loita configura un vasto movemento de novo tipo que nos leva a calificalo como movemento de resistencia popular.

Neste movemento a loita de masas e a actividade do Partido desempeña o papel principal. A loita armada guerrilleira e a organización militar son formas de loita e organización subordinadas ás anteriores. En España a guerrilla non vai poder acumular a forza militar precisa, capaz de seu, de derrotar e aniquilar ao exército fascista. Terá que ser a insurrección xeral das masas, combinada coa loita do exército guerrilleiro, a que nos seu momento derrocará ao Estado capitalista. De aí que as principais funcións que debe cumprir a guerrilla nesta etapa de loita político-militar sexan as de seguir axudando ao movemento de masas e ás súas organizacións, contribuír a crear todas as condicións (políticas, económicas, orgánicas, militares, etc.) para a incorporación das grandes masas á loita polo poder e buscar, ao mesmo tempo, o seu propio fortalecemento.

As funcións da loita armada e da organización guerrilleira non están acoutadas por condicións momentáneas, insurreccionais ou locais (e xa que logo, de carácter táctico), senón que son permanentes. Isto vén determinado polas condicións do réxime político do imperialismo, así como pola crise e o desenvolvemento da loita de clases. Deste xeito, a loita armada guerrilleira convértese nunha parte esencial da estratexia revolucionaria do proletariado.

Todo isto obriga ao Partido a ter que considerar a loita armada non só desde o punto de vista da insurrección e da situación revolucionaria en xeral, senón tamén, e sobre todo nos aspectos da organización do exército guerrilleiro e da estratexia da guerra popular prolongada.

A loita de resistencia terá inevitablemente un carácter prolongado, pois non só nos opoñemos a un inimigo que conta con un aparello estatal ramificado e centralizado, con medios relativamente poderosos e un considerable apoio do imperialismo internacional, senón que ademais hai que desbotar toda posibilidade de organizar ás grandes masas a través de medios legais que, chegado un momento, permitiran facer fronte á reacción e derrubar ao Estado capitalista mediante a insurrección armada. Isto xa pasou á historia. Nos nosos días os monopolistas non permitirán ás masas concentrar as súas forzas, nin se deixarán sorprender por unha insurrección xeral que estale nun determinado intre. Máis aínda, nas condicións de España, o fascismo non lle vai permitir ningún tipo de organización minimamente independente á clase obreira e demais sectores populares; non lle vai conceder a menor oportunidade neste sentido. Póren, aquí unicamente cómpre a resistencia política e a loita armada, de sorte que cando se produza a insurrección esta deberá estar preparada por longos anos de resistencia do movemento popular nun proceso no que se producirán numerosos avances e retrocesos, no que se terá que aprender a utilizar todos os procedementos de loita e no que deberá combinar con xeito o político e o militar.

5.5 Asegurar a dirección política do movemento guerrilleiro

Os comunistas debemos percurar dirixir todas as formas de loita do proletariado e outros sectores do pobo. Entre estas variadas formas de loita salienta a loita armada guerrilleira. O Partido ten que facer todos os sacrificios que sexan precisos para soster á guerrilla, procurarlle o apoio das masas e asegurar a súa dirección.

A organización armada guerrilleira é parte destacada do movemento obreiro e popular e del recebe todo tipo de axuda e apoio. Se non contara con esa axuda e coa inesgotable reserva de recrutamento que supoñen as masas, hai tempo que a reacción a tería aniquilado.

A organización armada guerrilleira non ten intereses distintos aos das masas populares. Xa que logo, o seu obxectivo político non pode ser máis que o derrocamento do réxime da burguesía imperialista, a expropiación dos monopolios e o restabelecemento da República Popular. As actividades armadas guerrilleiras deben contribuír á consecución deste obxectivo fundamental e respostar sempre ás condicións do movemento político das masas; isto é, nun poderán ser accións illadas.

A guerra de guerrillas é unha forma de guerra civil que, aínda que no berce, está aí e madurece todos os días. Por tratarse dunha guerra require dunha análise e duns métodos militares para ser levada a cabo con éxito. Mais non se debe esquecer que a guerra de guerrillas, como toda guerra, ao ser continuación da loita política (só que levada adiante por outros medios), debe estar dirixida en todo momento pola política, polo Partido. É o Partido quen dirixe o fusil.

A guerra de guerrillas obedece a fondas causas económicas, políticas, sociais e históricas. Estas causas analízaas o Partido á luz do marxismo-leninismo, tirando do seu estudio as leis xerais desta guerra popular, a súa estratexia e a táctica. Non está ao alcance da organización armada -como tal organización armada- a elaboración do programa ou a estratexia; isto se encontra unicamente ao alcance do Partido e son principalmente tarefas súas.

Por outra banda, é preciso manter unha rigorosa separación orgánica entre o Partido e a guerrilla. O movemento de resistencia e o propio Partido Comunista teñen múltiples tarefas que cumprir que non encaixan, de xeito ningún, dentro das rixideces dun exército ou movemento militarizado. As loitas das amplas masas de obreiros e traballadores precisan da dirección política do Partido Comunista. Este canaliza a súa carraxe e determinación revolucionaria, sintetizando e espallando as experiencias das súas loitas. O partido, como destacamento de vangarda e núcleo dirixente do proletariado, é quen está mellor preparado para levar a bo fin as tarefas de tipo fundamentalmente político, e a súa obriga é o faceren. No caso contrario, o movemento das amplas masas sería doadamente desnortado e dividido e caería na desmoralización. O Partido asegura ao mesmo tempo a conexión entre a guerrilla e o movemento político das amplas masas. O estabelecemento destes vínculos permite ao Partido darlle continuidade á actividade guerrilleira, promovendo a incorporación da mocidade antifascista as súas filas e nutríndoas de comunistas experimentados e rexos.

Pola súa banda, os membros do Partido que desenvolven a súa actividade nas organizacións guerrilleiras defenden dentro delas as posicións consecuentemente democráticas e revolucionarias do proletariado, cinguíndose ao carácter popular destas organizacións e dando exemplo de entrega e afouteza. A presencia dos comunistas na guerrilla e o seu labor político e ideolóxico afortalan a unidade interna e a disciplina da organización militar, dótana dunha alta moral de combate e dunha ampla perspectiva; ao tempo que garanten o atinado das súas accións, así como a elección do mellor momento para as realizaren e os medios xustos para acadar os obxectivos.

5.6 A loita contra a opresión nacional

Coidando que o fascismo e o imperialismo en España non só chantan as súas raíces na supresión das liberdades, senón tamén no subxugamento dos pobos, a loita contra a opresión nacional en xeral e particularmente en cada unha das nacións asoballadas, adquire unha importancia fundamental na loita polo derrocamento do réximen. Póren, os comunistas en todo o Estado, pero máis aínda en cada unha destas nacións, debemos asir con forza a bandeira dos dereitos nacionais, arrebatándolla das manipulacións da burguesía.

Ao asumir o feito nacional e as reivindicacións nacionais que deixou sen solventar o capitalismo, e que non poden encontrar solución baixo este sistema, a clase obreira dalle un contenido socialmente distinto. Para os obreiros, a loita polos dereitos nacionais está indisolublemente ligada aos seus intereses de clase, á loita polo poder político, á loita polo socialismo. De aí que o principio do internacionalismo proletario, a unión dos obreiros das distintas nacións, sexa a base para solventar a cuestión nacional en España.

Encol desta base apóiase o proletariado revolucionario para defender o dereito de separación e á independencia de Galicia, Euskal Herria e Catalunya, e loitar sen acougo para que se lle recoñeza. O centro de atención do Partido no labor de educación internacionalista dos obreiros haberase de pór na denuncia do chauvinismo español e na prédica da defensa da liberdade de separación das nacións asoballadas polo Estado. Mais, para que esta actividade non sexa utilizada polo nacionalismo burgués reaccionario para enturbar a conciencia de clase dos obreiros, dividíndoos por nacións para subordinalos aos seus intereses, os comunistas de cada unha das nacións, ao tempo, avogarán e farán propaganda pola unión voluntaria e en pé de absoluta igualdade nacional, de todos os obreiros e pobos explotados e oprimidos polo mesmo Estado.

A posibilidade de que, no marco do Estado español, unha ou varias nacionalidades optasen pola independencia era ata hai ben pouco algo pouco probable. Sen embargo, debido ao agravamento das contradiccións interimperialistas e á súa repercusión en España, esa posibilidade non é en absoluto desbotable. Xa que logo, o Partido, consecuentemente coa defensa do dereito á autodeterminación e co fin de debilitar ao Estado fascista, non dubidará en prestar apoio a estes pobos no caso de que decidan arredarse do Estado e declarar a súa independencia.

A loita contra a opresión nacional é parte de seu da loita polas liberdades democráticas e da loita polo socialismo, van unidas e non existe unha solución completa para ningunha delas por separado. Por iso é imprescindible, partindo da singularidade nacional, integralas nun único borbollón de loita revolucionaria capaz de rachar todas as barreiras da división e a confusión que impón o sistema e de destruír o Estado. Esta será a única garantía para conquistar os dereitos políticos, sociais e nacionais de todos e cada un dos pobos.

5.7 A loita contra o imperialismo e o perigo de guerra

A crise capitalista mundial e a desfeita do revisionismo moderno fixeron agromar novos centros imperialistas de poder e agravaron todas as contradiccións do sistema. De aí que se agudizara a loita entre os Estados capitalistas máis fortes por un novo reparto do mundo e se albisquen novas estratexias económicas, políticas e militares, así como novas alianzas. Neste plano mundial, as contradiccións que enfrontan entre si aos grupos monopolistas e aos Estados imperialistas salientan hoxe, novamente, como a contradicción principal.

O imperialismo non é un todo homoxéneo, xa que a súa imposición exacerba e complica máis aínda as contradiccións do capitalismo. Isto acontece porque a súa peculiaridade esencial non son os monopolios "puros", senón os monopolios xunto co intercambio, o mercado, a pequena e mediana producción, a competencia e a crise.

Na carreira por vencer aos seus rivais, os Estados monopolistas toman medidas de tipo proteccionista que logo se botan na face, practican o dumping, limitan as inversión, esixen contrapartidas, etc. A diferencia da primeira metade do século, cando as zonas de fricción atopábanse, principalmente, nas colonias e semicolonias, arestora o eixo das loitas monopolistas desprazouse aos mercados interiores dos propios países imperialistas, o que imprime á competencia unha maior agresividade.

Abofé que non todo nas relacións entre as potencias capitalistas está baseado na política da forza e a confrontación. Tamén existen as alianzas e os acordos de paz, que veñen a ser como treguas no medio das guerras. Con todo, en épocas de crise xeral como a actual, estes acordos son só aspectos parciais que, á volta de poucos anos, poden crebar ou tornarse papel mollado. Deste xeito, os acordos e tratados entre os Estados capitalistas van pasando a un segundo lugar, mentres que as loitas internas, os antagonismos, as vellas liortas e os tirapuxas ocupan cada vez máis un primeiro plano.

Estas liortas, que outrora foran a cotío orixe de retesías, conflictos e guerras, levan a novos enfrontamentos entre os Estados imperialistas polo reparto e o saqueo do mundo. Como decía Lenin: "Baixo o capitalismo non se concibe outro alicerce para o reparto das esferas de influencia, dos intereses, das colonias, etc., que a forza económica xeral, financeira, militar, etc."(1).

O Estado español non se mantén á marxe deste conflicto e participa como un país imperialista máis na carnicería, o reparto e a rapina. Todo isto, o perigo de guerra, o apoio por parte do complexo militar e informativo da OTAN ao aparello represivo e ao exército español, os gastos militares que botan no lombo das camadas populares e a posibilidade da utilización da nosa xuventude como carne de matadoiro nas expedicións agresivas do imperialismo, son problemas que, ademais doutros, atinxen a millóns de persoas. Esta situación está a configurar un amplo movemento de protesta e rexeitamento que conta non só coa participación da clase obreira e a mocidade (o seu verdadeiro motor e alicerce), senón tamén con outros importantes sectores sociais. ƒ deste xeito, como o movemento contra o militarismo, contra as bases ianquis instaladas no noso territorio e contra a OTAN, se vai vencellando decote ao conxunto do movemento de resistencia que loita polo derrocamento do réxime e dos piares que terman del.

Dentro do marco do capitalismo nunca poderemos evitar as súas tendencias agresivas e imperialistas; denantes é preciso rematar coas causas e o poder que as fornece e orixina. Por mor disto, se a loita contra o imperialismo carecera de obxectivos revolucionarios, non acadaría, no mellor dos casos, outra cousa que arrincar determinadas promesas do goberno. De aí que, sen desbotar a posibilidade de facer recuar ás forzas imperialistas no transcurso da loita, debamos considerar que só o derrocamento do réxime dos monopolios será o que desmantele, finalmente, as bases ianquis no noso país, nos alonxe do bloque imperialista e, ao cabo, debilite á reacción mundial.

Nós consideramos que hoxe existen tres frontes de loita contra o imperialismo: a fronte que compoñen os países socialistas, a fronte que forman os pobos e nacións asoballadas, e a fronte de loita que se acha no interior dos mesmos países imperialistas. Estas tres frontes forman parte dun mesmo combate xeral contra o imperialismo e a reacción e se complementan e apoian mutuamente.

O desenvolvemento da loita de clases en cada país, especialmente a loita revolucionaria do proletariado, constitúe un dos factores máis importantes da desintegración imperialista. Arestora, o imperialismo dos EEUU e o seu instrumento militar, a OTAN, continúa a ser o principal inimigo de todos os pobos do mundo, polo que estes deben manterse alerta e concentrar todas as súas forzas contra el. Así e todo, perante a eventualidade de que estoupe unha guerra mundial, o proletariado revolucionario non fará distinción entre os bandos contendentes, xa que tal e como transcorren os acontecementos, seguramente esta terá por ámbalas dúas partes un carácter de guerra imperialista, inxusta e de rapina.

O Partido oponse á guerra imperialista. E no caso de que esta se produza deberá declararse derrotista; isto é, avogará e fará todo o que poida para conquerir a derrota do Estado da nosa propia burguesía e a transformación da guerra imperialista en guerra civil revolucionaria.

5.8 Levar a cabo a revolución no noso país e contribuír a que triunfe no mundo enteiro

Os intereses da clase obreira son os mesmos en todos os países. Coa extensión a nivel mundial do modo de producción capitalista refórzase a relación e interdependencia dos obreiros dos distintos países, e colle maior significación aínda o principio de que o comunismo só pode vencer como revolución mundial. Consecuentemente con este principio, o PCE(r) declárase parte integrante do partido internacional do proletariado.

Na presente situación de crise xeralizada do imperialismo e grave perigo de guerra, se fai tanto ou máis precisa e anadiable que nunca a unidade dos obreiros, dos pobos e nacións asoballadas de todo o mundo, para levar ata o final a loita contra a burguesía monopolista e o imperialismo. Nesta ampla fronte de loita, a clase obreira e os partidos e organizacións comunistas salientan como a forza principal e máis decisoriamente revolucionaria. Tamén os Estados socialistas ocupan un lugar salientable, polo que non poden ser considerados de xeito illado, xa que forman parte da revolución mundial, á que deben servir de avanzada e medio de acelerar o seu desenvolvemento.

É en base a esta concepción como o proletariado revolucionario terá que enfrontar a duplicidade das súas tarefas nacionais e internacionais. "Só hai un internacionalismo efectivo -explicaba Lenin- que consiste en entregarse ao desenvolvemento do movemento revolucionario e da loita de clases dentro do propio país, e en apoiar (por medio da propaganda, coa axuda moral e material) esta loita, esta liña de conducta e só esta en todos os países sen excepción"(2).

Hoxe máis que nunca é totalmente válida a idea de que "os obreiros non teñen patria". Mais namentres existan os Estados capitalistas e as diferencias nacionais, a loita entre os explotados e os explotadores seguirá tendo un marco nacional ou estatal. A revolución é un asunto do pobo de cada país e depende do seu grao de madurez política que poida levarse a cabo. Isto non exclúe a necesidade dun organismo que "represente" ao gran exército do proletariado internacional.

Verbo disto consideramos un factor positivo o anceio de constituír un "centro" revolucionario mundial, xa que a súa necesidade séntese cada vez máis. Así e todo, isto non pode supor repetir vellos erros. A unidade da táctica internacional do movemento obreiro comunista de todos os países, dicía Lenin, "esixirá, non a supresión da variedade, non a supresión das particularidades nacionais (o que na actualidade é un soño absurdo) senón unha aplicación tal dos principios fundamentais do comunismo... que modifique atinadamente estes principios nos seus detalles, que os adapte, que os aplique atinadamente ás particularidades nacionais e nacionais-estatais"(3). Conforme a esta táctica, e seguindo a fórmula aplicada pola I Internacional, avogamos máis ben pola creación dunha central de orientación, comunicación e cooperación internacional, que posibilite o apoio mutuo e o intercambio de experiencias entre as organizacións e partidos comunistas de todo o mundo, e que sexa quen, ao tempo, de organizar accións conxuntas.

6. Programa xeral do Partido para a transición ao comunismo

6.1 Necesidade histórica da dictadura revolucionaria do proletariado

"Entre a sociedade capitalista e a sociedade comunista -escribe Marx- media o período de transformación revolucionaria da primeira na segunda. A este período corresponde tamén un período político de transición, no cal o Estado non pode ser outro que a dictadura revolucionaria do proletariado"(4).

A clase obreira non se pode apropiar soamente do Estado burgués, destinado a salvagardar a propiedade privada capitalista e a reprimir aos traballadores, para poñelo ao seu servicio (como fixeron os revolucionarios burgueses co aparello feudal), senón que debe destruír a máquina burocrática e militar burguesa que terma del e instaurar, mediante a dictadura revolucionaria, o seu propio Estado de democracia obreira. O Estado da dictadura do proletariado que aplica a represión e restricción dos dereitos da minoría explotadora, supón -en oposición á democracia burguesa ou dictadura capitalista- o maior grao de democracia e liberdade endexamais acadado polos traballadores.

A dictadura revolucionaria do proletariado, en correspondencia coas tarefas que se deben acometer durante esta etapa de transformación revolucionaria da sociedade de clases noutra sen clases ou comunista, deberá abranguer necesariamente un longo período histórico. Este fárase necesario mentres non sexan abolidas as clases, mentres non sexan subvertidas as ideas que emanan destas relacións sociais e mentres o Estado de clase non se esvaa como unha forma do pasado.

O mesmo cá o capitalismo, no socialismo a sociedade avanza aguilloada polas súas propias contradiccións internas. Esta é unha lei universal. No socialismo seguen a existir as clases e a loita de clases, as contradiccións entre as forzas productivas e as relacións de producción, a contradicción entre a base económica e a superestructura política e ideolóxica e outras contradiccións. Delas, durante todo o período socialista, a contradicción principal da sociedade é a que enfronta ao proletariado coa burguesía, malia que dita contradicción pode revestir distinto carácter e adoptar formas diferentes.

O Partido Comunista deberá estudiar o carácter ou a natureza de todas e cada unha destas contradiccións para darlles unha solución xusta. Particularmente, deberá ter en conta que no socialismo, tal e como nos ensina Mao, "existen dous tipos de contradiccións sociais: contradiccións entre nós e o inimigo e contradiccións no seo do pobo. Estes dous tipos de contradiccións son de distinta natureza [...] As contradiccións entre nós e o inimigo son antagónicas. En canto ás contradiccións no seo do pobo, as que existen no seo das masas traballadoras, non son antagónicas". Xa que logo, "as contradiccións entre nós e o inimigo e as contradiccións no seo do pobo, por seren de distinta natureza, deben solventarse con diferentes métodos: para a primeira, os métodos coercitivos, a dictadura; para a segunda -para o pobo- a educación e a persuasión, isto é, a democracia"(5).

Mentres a etapa histórica socialista non remate, a clase obreira haberá de servirse do Estado para exerce a súa dictadura a fin de vencer ás clases explotadoras, as que, como dí Lenin, oporan unha resistencia "longa, teimuda, desesperada" e seguirán "inevitablemente abrigando esperanzas de restauración, esperanzas que se converten en tentativas de restauración"(6).

Ao principio, logo do seu derrocamento, a burguesía, os terratenentes, os intelectuais burgueses, etc., perden o seu poder político, a súa cabeza organizada, pero non se esvaen como clase. No socialismo, a burguesía segue a reproducirse incontroladamente, ao antigo xeito, tanto na base económica (a través da pequena producción) coma na superestructura (a través das vellas ideas, a forza dos costumes, etc.) mais adquire tamén novas connotacións, pois se asenta na burocracia do Estado e no Partido, desde onde tentan arrebatar a dirección e mudar a liña política revolucionaria. Se isto llega a acontecer, o desenvolvimento socialista estanca e as contradiccións da sociedade non tardan en ser antagónicas. Por todo isto é imprescindible exercer a dictadura sobre a burguesía en todos os eidos e practicar a loita de clases. A este respecto, sintetizando toda a experiencia positiva e negativa da construcción do socialismo, Mao Zedong mantiña que a dirección do proceso revolucionario debe facerse sempre desde o predominio e a dirección política e ideolóxica do Partido.

Logo de implantada a dictadura do proletariado, o Partido deberá centrar a súa atención en solventar a contradicción que supón a mesma existencia do Estado socialista. Esta situación contradictoria se manifesta en que, mentres por unha banda, o Estado constitúe instrumento da dictadura do proletariado para esmagar a contrarrevolución e organizar a nova sociedade, pola outra, se converte no bastión principal do todo o vello e caduco que fica na sociedade. De aí a necesidade de marchar sempre cara adiante, deica o comunismo e a total extinción do Estado; de que as masas dirixidas polo proletariado e o Partido Comunista, exerzan un estreito control sobre os organismos estatais e de que sexan elas realmente e non só de palabra, as que asuman a dirección en todos os eidos da vida económica, política, cultural, administrativa, etc., a fin de contrarrestar a tendencia absorbente do Estado e reducir as súas funcións á mínima expresión. Este obxectivo, loxicamente, no poderá acadarse por completo ata que non desaparezan totalmente as clases e os conflictos de clases que esixen a existencia do Estado como órgano especial de represión. só a partir do intre no que a dictadura do proletariado se faga innecesaria, o Estado deixará de ter razón de ser. "O primeiro acto no que o Estado maniféstase efectivamente como representante de toda a sociedade -a toma de posesión dos medios de producción no nome da sociedade- é ao tempo o seu derradeiro acto independente como Estado. A intervención do Poder estatal nas relacións sociais farase supérflua nun eido tras outro e adormecerá de seu. O goberno sobre as persoas será substituído pola administración das cousas e pola dirección dos procesos de producción. O estado non será abolido: se esvaerá"(7).

Condición esencial para que ese proceso de "extinción" do Estado se desenvolva será a existencia dun movemento comunista de masas, dirixido e alentado por un partido comunista que siga a actuar como verdadeira vangarda e que para iso se manteña en actitude vixiante fronte ao Estado, ao obxecto de garantir a superación dos problemas e o avance interrompido cara o comunismo. Con este fin, o Partido ten que exercer a súa acción desde arriba (desde os órganos do Estado e do Goberno, sen se identificaren nunca con eles) e presionar ao tempo desde abaixo, promovendo a participación e a loita das masas, sempre co ollo posto nos obxectivos últimos do comunismo. De non o faceren así, esas posicións serán ocupadas polo revisionismo e pola nova clase burguesa que, no socialismo, xurde das vellas relacións de producción e da burocracia, e que non ten outro interese máis que o de perpetuar as relacións de explotación e opresión sobre as masas populares.

Consciente disto, o Partido, como núcleo dirixente de todo o proceso revolucionario, basea a súa estratexia no movemento das masas e no mantemento da máis estreita ligazón con elas; fomentando a súa capacidade creadora, apela a elas para a rexa e consecuente defensa das conquistas revolucionarias fronte aos intentos restauradores da burguesía e se somete a si mesmo á crítica aberta das masas, como medio importante para correxir os seus inevitables erros.

6.2 A política económica no período de transición

Trala toma do poder político pola clase obreira, os sectores fundamentais da economía pasan a mans do Estado baixo a forma de propiedade de todo o pobo; estabelécese o control obreiro sobre a producción e mellóranse notoriamente as condicións de vida e de traballo dos traballadores. Isto atinxe ao problema das relacións de producción. Pero con isto as vellas relacións de propiedade capitalista non son totalmente eliminadas; xunta á propiedade de todo o pobo coexisten por algún tempo outras formas de propiedade. De aí que un dos obxectivos fundamentais da loita que ten lugar no socialismo consista, precisamente, en transformar esas formas de propiedade privada en dúas formas fundamentais de propiedade socialista -a propiedade de todo o pobo e a propiedade colectiva das cooperativas-, co fin de seguir a afondar no proceso de transformación destas últimas nunha soa, a propiedade de todo o pobo.

No socialismo, a propiedade social sobre os medios de producción condiciona a necesidade obxectiva do desenvolvemento planificado e proporcional da economía. Esta é unha das leis económicas fundamentais da transición ao comunismo.

A lei da máxima ganancia, a anarquía na producción e a lei do valor, como factores que regulan espontaneamente a economía no capitalismo, desaparecen na economía socialista ao ser suprimido o carácter privado da propiedade sobre os medios de producción. No socialismo, trátase de pór en consonancia a propiedade social sobre os medios de producción co carácter social da producción. Sobre esta base estabelécese o desenvolvemento planificado e proporcional da economía, que fai posible a elaboración e posta en práctica dos planos de producción e distribución.

A planificación conforma unha serie de medidas económicas, políticas, ideolóxicas que, aínda que reflicten unha realidade obxectiva, van actuar sobre ela para a transformaren. Nisto estriba a importancia relativa e a primacía da política sobre a economía.

No socialismo non poden rexer as mesmas leis de explotación, a competencia e o comercio capitalista, nin o mercado e a competencia capitalista pode determinar os prezos. No socialismo, son a política e a planificación económica -orientadas conforme aos intereses a curto e longo prazo das masas os verdadeiros reguladores. Isto resposta ao grao de desenvolvemento acadado polas forzas productivas sociais. Na sociedade socialista o desenvolvemento económico é inseparable do desenvolvemento social e cultural xeral: é un proceso económico, social, político, tecnolóxico, ideolóxico, etc., que ademais, debe ir acompañado do estabelecemento de novas relacións económicas internacionais.

As relacións de producción no só abranguen aos sistemas de propiedade, senón tamén ás relacións humanas no traballo e ao sistema de distribución. O socialismo, como sociedade de transición, herda do capitalismo a división do traballo, que se atopa presente na contradicción existente entre o campo e a cidade (na separación entre o traballo industrial e o comercial, por unha banda, e o traballo no agro, por outra), así como entre o traballo manual e o traballo intelectual. Alén disto, a permanencia do dereito burgués, expresado no principio de distribución "a cada quen segundo seu traballo", e a tendencia que se observa en determinados sectores da sociedade a vulneralo e a crear novas capas de privilexiados, impoñen ao Estado asumir rexamente a tarefa de impedir a aplicación abusiva de dito principio e o regulamento do dereito burgués ata facelo desaparecer. Todo isto é inseparable da loita política e ideolóxica (a loita contra as vellas ideas, os vellos hábitos e costumes, etc.). Deste xeito é como se manifesta a contradicción entre as forzas productivas e as relacións de producción, así como a que enfronta á base económica coa superestructura política e ideolóxica. Pois se ben é certo que no socialismo a revolución estabelece certo equilibrio ou correspondencia entre elas, este factor é só parcial e relativo, en tanto que o desequilibro é absoluto e determina o desenvolvemento constante das relacións de producción.

A instauración da dictadura do proletariado é a premisa fundamental para a demolición das vellas relacións e a súa substitución por outras novas, maila que isto só se acadará a través dunha longa e exacerbada loita de clases, loita que se dará fundamentalmente no dominio da superestructura e que debe abranguer todos os eidos da vida. Isto é así porque a apropiación polos productores dos medios fundamentais de producción non provoca automaticamente os cambios correspondentes nas novas relacións de producción nin, xa que logo, na superestructura vencellada a aquelas, nas que a burguesía derrocada, pero non vencida aínda, ten o seu "derradeiro dominio hereditario".

6.3 Transformación e desenvolvemento integral do home

A fronteira entre o socialismo e o comunismo non se atopa na liña divisoria entre o sistema de propiedade colectiva e o sistema de propiedade de topo o pobo. Neste senso, Lenin espuxo rotundamente que "...ao comezar as transformacións socialistas, debemos saber claramente o obxectivo cara o que, en resumidas contas, tenden estas transformacións: o de crear a sociedade comunista, que non se limita a expropiar as fábricas, as terras e os medios de producción, que non se limita a estabelecer unha contabilidad e un control rigoroso da producción e a distribución de productos, senón que vai moito máis alá para facer realidade o principio 'de cada un segundo a súa capacidade, a cada quen segundo as súas necesidades'"(8).

Ese "máis alá" ao que se refire Lenin, abrangue a transformación e o desenvolvemento integral do home, para o que é imprescindible a formación dun movemento comunista de masas. só isto xustifica a etapa de transición socialista.

As primeiras experiencias desta nova revolución, que Lenin calificaba de "máis difícil, máis esencial, máis radical e máis decisoria que o derrocamento da burguesía, pois é a victoria obtida sobre a propia rutina e a indisciplina, sobre o egoísmo pequenoburgués, sobre todos eses hábitos que o maldito capitalismo lle deixou como herencia ao obreiro e ao labrego"(9), foron os "sábados comunistas". Tamén Lenin extrouxo as ensinanzas máis senlleiras daquelas primeiras fazañas do futuro da humanidade, sinalando entre outras cousas: "O 'comunista' empeza unicamente cando aparecen os sábados comunistas, é decir, o traballo de balde de individuos non suxeitos a normas por ningún poder, por ningún Estado, en proveito da sociedade a gran escala"(10).

A idea que concibe o desenvolvemento da nova sociedade socialista en termos de "desenvolvemento das forzas productivas", utilizando para iso exclusivamente a técnica e os incentivos materiais, e a concepción da burguesía que o revisionismo moderno practicou. Xa que logo, non debe sorprender que conducira a numerosos países no estancamento, á bancarrota económica, política, social e moral, e finalmente, a que a burguesía impuxera novamente a súa dictadura de clase entre eles. Semellante "desfeita" puido ocorrer porque en realidade o revisionismo non representa intereses distintos aos da clase burguesa e o imperialismo, non se propón rematar coa explotación e, polo tanto, xamais poderá eliminar os obstáculos que aparecen no vieiro da transición ao comunismo.

Un dos feitos máis claros, que poñen ao descuberto a política revisionista burguesa, é o que fai dos incentivos materiais o móbil principal para o incremento da producción dos traballadores, así como o principal alicerce das súas actividades sociais e políticas. Na loita contra o revisionismo, Mao fixo fincapé no erróneo e perxudicial que resulta dita política, argumentando que "aínda que se admita que o estímulo material é un principio importante, non pode ser absolutamente o único. Debe haber outro principio: o estímulo do espírito no dominio político-ideolóxico. Ademais, o estímulo material non debe ser tratado unicamente en termos de intereses personais. Tamén debe ser tratado en termos de intereses colectivos, de primacía dos intereses colectivos sobre os intereses personais, de prioridade dos intereses a longo prazo sobre os intereses inmediatos"(11).

O interese material concebido desde o punto de vista de certa individualidade non fai máis que reproducir a división do traballo na que se apoia e lonxe de eliminar as contradiccións existentes entre uns e outros sectores da sociedade, agrávaas aínda máis, pois a especialización, a elevación dos coñecementos, o estudio, etc., terían como obxectivo para cada persoa facer maiores ingresos individuais e non servir á comunidade. Así o experto, o intelectual, o funcionario, arrédase do resto da comunidade para preservar os seus intereses particulares, o seu estatus, tendendo a consolidar as vellas relacións de producción capitalista.

O revisionismo racha a relación entre os intereses colectivos e o interese individual, facendo deste último o factor decisorio da producción e da existencia da sociedade mesma, e elimina a conciencia política como forza motriz e como móbil dos individuos, os que deberían pór a súa atención en camiñar cara a edificación do comunismo. En realidade, desta forma renúnciase de antemán a ese futuro por non coidar que o "individuo constitúe un elemento da colectividade" e que "os intereses individuais melloran na medida na que progresan os intereses públicos"(12).

Malia que na sociedade socialista certamente o traballo aínda non constitúe para todos a primeira necesidade vital, non vai ser co interese material exclusivo como se van crear as novas relacións de producción, senón mediante a educación e a mobilización voluntaria das masas para que realicen o traballo e a distribución comunista. O home, mediante a producción e a loita político-social, transforma a natureza e a sociedade ao tempo que se transforma así mesmo. O socialismo, ao abolir a explotación do home polo home, crea os alicerces da formación da personalidade universal (que se acadará no comunismo) sobre a base das novas condicións económicas e sociais, da educación ideolóxica, política e moral. Esta necesidade fixo concebir a Mao Zedong a Revolución Cultural Proletaria, que vén a constituír, xunto ás transformacións dos sistemas de propiedade e o desenvolvemento da producción e da cultura, unha das condicións esenciais para o tránsito ao comunismo.

O traballo comunista e a emulación, que poñan en tensión a iniciativa audaz das masas e o seu espírito emprendedor, son as bases imprescindibles para a implantación das novas relacións de producción. Estas bases permitirán dar outros pasos igualmente necesarios para rematar coas clases sociais, como a integración de intelectuais, técnicos, cadros e obreiros en grupos de traballo manual e intelectual, a industrialización rural que permita a formación de capesiños-obreiros e a supresión da contradicción entre a cidade e o campo. Soamente por este camiño poderase superar a división do traballo e crear as relacións de producción que corresponden ás forzas productivas do comunismo.

Así nacerá o home novo, o home universal, en consonancia coas transformacións económicas que, pola vía revolucionaria e trala toma do poder polo proletariado, deixarán ao capitalismo na nenez da historia feita conscientemente polos propios homes.


Notas:

(1) Lenin: "O imperialismo, fase superior do capitalismo".
(2) Lenin: "As tarefas do proletariado na nosa revolución".
(3) Lenin: "A enfermidade infantil do 'esquerdismo' no comunismo".
(4) C. Marx: "Crítica ao Programa de Gotha".
(5) Mao Zedong: "Sobre o tratamento correcto das contradicción no seo do pobo".
(6) Lenin: "A revolución proletaria e o renegado Kaustsky".
(7) F. Engels: "Anti-Dühring", citado por Lenin en "O Estado e a revolución".
(8) Lenin: "VII Congreso extraordinario do PC(b)".
(9) Lenin: "Unha gran iniciativa".
(10) Lenin: "Informe acerca dos sábados comunistas".
(11) Mao Zedong: "Notas de lectura do Manual de Economía Política da Academía de Ciencia da URSS".
(12) Idem.